Roteiros 2022-2023

ROTEIRO A loita dun pobo, gañar e perder

O vindeiro domingo 25 de xuño, achegarémonos ata o Concello de Castrelo do Miño para facer un treito do roteiro de Miño-Calvario-Coto Novelle, nun percorrido lineal duns 8 Km de lonxitude e de dificultade baixa.

O autobús deixaranos na estrada entre Castrelo do Miño e Cartelle, e seguiremos por pistas a divisoria dos Concellos ata o Coto de Novelle, o sitio máis alto do Concello onde hai unha grande panorámica do Ribeiro, Paradanta e Celanova. Neste punto teremos consciencia de como a depredación eólica xa forma parte da paisaxe galega.

Seguir lendo “ROTEIRO A loita dun pobo, gañar e perder”
Roteiros 2022-2023

ROTEIRO Os canóns do río Mao

Nesta ligazón podes acceder ás fotos do roteiro.

O vindeiro domingo 21 de maio, cambiamos o percorrido que tíñamos previsto polo Invernadoiro para coñecer os canóns do río Mao. Guiadas por Ramsés Pérez, coordinador da equipa de Educación Ambiental de ADEGA, faremos este percorrido lineal duns 8 quilómetros de lonxitude, e de dificultade media-baixa. A saída do autobús será ás 9h dende a Escola de Maxisterio.

O río Mao é un dos máis importantes da Terra de Caldelas. Nace na serra de San Mamede, e percorre Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira até morrer no río Sil á altura de Barxacova. Entrado en Montederramo, o Mao discorre á beira do mosteiro de Montederramo, convento medieval, primeiro beneditino e logo da orde do Císter, fundado posibelmente no século X e catalogado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1959. Continúa a súa viaxe pola penechaira caldelá pasando á altura de Vilariño Frío, onde está o encoro de Leboreiro, construído en 1949.

Cóntanos o escritor e cronista Olegario Sotelo Blanco, na súa obra Antropoloxía Cultural de Terra de Caldelas, que nese lugar “nos anos vinte (do século pasado) facíase unha festa na ponte de Vilariño Frío, sobre o río Mao, que consistía en pescar as troitas á man e logo fritilas con touciño nunha lousa, que era como os gastrónomos da comarca dicían que se preparaban mellor”.

E é a partir dese encalco, o de Leboreiro, cando o río Mao comeza a fluír encaixado en cantís, entre os montes.

O autobús deixaranos nas inmediacións da ponte medieval de Canceliñas. A partir de aí, gozando dunhas vistas incríbeis, avanzamos sen moito desnivel pola canle vella, que nos leva á necrópole medieval de San Vítor. Datada entre os séculos IX e X, este cemiterio alto-medieval relacionado coas comunidades rurais anteriores á reorganización parroquial do século XII, mostra varias tumbas escavadas en rocha, sepulcros antropomorfos con orientación leste-oeste. Segue o noso percorrido ate dar de novo a San Lourenzo onde nos espera unha panorámica do gran canón galego, o río Sil, desde onde comezaremos o descenso ate a fábrica da luz.

Esta fábrica, convertida en albergue, cantina e centro de formación, debe o seu poético nome a que naceu como central hidroeléctrica. En 1914 a empresa La Gallega levantou La Escalada, unha das primeiras instalacións edificadas na Galiza para aproveitar a enerxía da auga e producir electricidade. Xunto coa central, a empresa construíu unha canle, a ‘canle vella’. A auga que levaba ese canal ía parar á ‘fábrica da luz’, onde estaban as turbinas que xeraban a electricidade que subministraba a Monforte de Lemos, Ourense e a moitas das aldeas da Ribeira Sacra.

Para participar é necesario inscribirse antes do venres 19 de maio ás 13h chamando ao 982240299 ou a través do formulario de reserva https://roteirosadegalugo.wordpress.com/reserva/

Roteiros 2022-2023

Roteiro A Fonte Sagrada

O vindeiro domingo 30 de abril achegarémonos ata a Fonsagrada. Nesta ocasión serán Soidade e Uxío, socias de ADEGA, quen nos guiarán neste percorrido pola ruta Primitiva A Fonsagrada – Hospital do Monte Outo (Montouto) pola Poboa do Burón.

A dificultade é moderada – baixa, e conta cun desnivel negativo de 512m, e 12 Km de percorrido. Esta ruta é lineal, polo que o punto de partida e remate son diferentes.

Seguir lendo “Roteiro A Fonte Sagrada”
Roteiros 2022-2023

ROTEIRO A depredación a mantenta das nosas florestas

A cidade de Lugo ten a sorte de contar cunha contorna deseñada polos río Miño, e Rato e a multitude de regos que os alimentan. Corredoiras con muros de xunta seca, conectan carballeiras e os numerosos núcleos rurais existentes ao redor da cidade. De forma silandeira, o rural perméase no urbano, sendo esta paisaxe en mosaico o pulmón verde da cidade de Lugo.

A previsión da conctrución da rolda leste, unha autovía urbana, de dobre carril e mediana que pretende unir a rotonda da estrada da Fonsagrada e a rotonda da Tolda vai afectar de xeito irreversíbel a nosa paisaxe, afectando a cursos fluviais, destruíndo carballeiras, camiños tradicionais e recluíndo os núcleos de Bosende e Barbaín entre dúas autovías. Unha infraestrutura innecesaria, e que ademais do grave impacto ambiental e social, vai supoñer o desembolso de 20M€ para aforrar 5 minutos nun traxecto que na actualidade supón apenas 7 minutos a través do Paseo do Rato.

Porque “Non se pode amar o que non se coñece, e non se defende o que non se ama”, o vindeiro domingo 26 dentro do programa de roteiros de ADEGA-Lugo camiñaremos pola zona afectada por este proxecto, faremos un percorrido circular de 14 km e de dificultade baixa.

O punto de encontro será na praza de Fontiñas, na representación turística do Km100 do Camiño Primitivo. Seguiremos o trazado do Camiño Primitivo polo Barrio da Chanca e Castelo de Arriba. Cruzaremos a autovía que conecta a Rotonda da Fonsagrada co HULA (primeiro tramo construído da rolda leste) dende onde teremos unha boa perspectiva do punto de entronque da infraestrutura coa rotonda da Estrada da Fonsagrada. Pasaremos polos núcleos de Barbaín e Bosende. Achegarémonos ata o Paseo do Rato, ao centro de interpretación Terras do Miño, e ás hortas urbanas, que se verán fortemente afectadas por este proxecto, que pasa a escasos metros das parcelas.

Dende aquí achegarémonos ata a rotonda da Tolda (punto de entronque da rolda leste), e subiremos ata San Fiz. Neste punto teremos unha boa perspectiva do val do río Rato, e da destrución que esta infraestrutura pode xerar. Camiñaremos pola emblemática carballeira de Montirón, atravesaremos o Parque de Sanxillao para rematar no punto de partida en Fontiñas.