
O vindeiro domingo 30 de abril achegarémonos ata a Fonsagrada. Nesta ocasión serán Soidade e Uxío, socias de ADEGA, quen nos guiarán neste percorrido pola ruta Primitiva A Fonsagrada – Hospital do Monte Outo (Montouto) pola Poboa do Burón.
A dificultade é moderada – baixa, e conta cun desnivel negativo de 512m, e 12 Km de percorrido. Esta ruta é lineal, polo que o punto de partida e remate son diferentes.
A saída do autobús será ás 9h da mañá dende a Escola de Maxisterio en Ramón Ferreiro, Lugo. O autocar levaranos ata a Fonsagrada, onde despois de tomar un café, visitaremos o Museo coa súa nova sala de Castañoso, e poderemos desfrutar tamén das estupendas maquetas feitas por Manolo Miranda. O acceso ao museo ten un custo de 2€ a aboar na entrada.
Comezaremos a ruta Astur-Galaica de interior na Fonsagrada, baixando cara a Poboa de Burón, Capital do Municipio ata o 1835, por entre carballos e castaños con tramos encaixados escoltados por muros de pedra seca, cubertos de brións.
Aos tres quilómetros, chegados á Poboa de Burón recibiranos a veciña, ex-profesora e concelleira M. Xosefa Nenoso Ortíz, para falarnos desta vila, un val adicado á agricultura, principalmente.
Seguiremos a ruta cara Xestoso de Riba, cunha pendente medianamente pronunciada. Dende Xestoso continuamos roteiro ata chegar ao Monte Outo. Dende este punto continuamos nunha baixada ata o Hospital, onde poderemos coñecer os restos do Hospital (hai quen di que anteriormente estaba localizado en Pena Labrada, ao borde do camiño que vai dende a Pobra de Burón), e o Dólmen de Montouto ou Dólmen dás Pedras Dereitas (Necrópolis Megalítica).
