Roteiros 2022-2023

ROTEIRO Os canóns do río Mao

Nesta ligazón podes acceder ás fotos do roteiro.

O vindeiro domingo 21 de maio, cambiamos o percorrido que tíñamos previsto polo Invernadoiro para coñecer os canóns do río Mao. Guiadas por Ramsés Pérez, coordinador da equipa de Educación Ambiental de ADEGA, faremos este percorrido lineal duns 8 quilómetros de lonxitude, e de dificultade media-baixa. A saída do autobús será ás 9h dende a Escola de Maxisterio.

O río Mao é un dos máis importantes da Terra de Caldelas. Nace na serra de San Mamede, e percorre Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira até morrer no río Sil á altura de Barxacova. Entrado en Montederramo, o Mao discorre á beira do mosteiro de Montederramo, convento medieval, primeiro beneditino e logo da orde do Císter, fundado posibelmente no século X e catalogado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1959. Continúa a súa viaxe pola penechaira caldelá pasando á altura de Vilariño Frío, onde está o encoro de Leboreiro, construído en 1949.

Cóntanos o escritor e cronista Olegario Sotelo Blanco, na súa obra Antropoloxía Cultural de Terra de Caldelas, que nese lugar “nos anos vinte (do século pasado) facíase unha festa na ponte de Vilariño Frío, sobre o río Mao, que consistía en pescar as troitas á man e logo fritilas con touciño nunha lousa, que era como os gastrónomos da comarca dicían que se preparaban mellor”.

E é a partir dese encalco, o de Leboreiro, cando o río Mao comeza a fluír encaixado en cantís, entre os montes.

O autobús deixaranos nas inmediacións da ponte medieval de Canceliñas. A partir de aí, gozando dunhas vistas incríbeis, avanzamos sen moito desnivel pola canle vella, que nos leva á necrópole medieval de San Vítor. Datada entre os séculos IX e X, este cemiterio alto-medieval relacionado coas comunidades rurais anteriores á reorganización parroquial do século XII, mostra varias tumbas escavadas en rocha, sepulcros antropomorfos con orientación leste-oeste. Segue o noso percorrido ate dar de novo a San Lourenzo onde nos espera unha panorámica do gran canón galego, o río Sil, desde onde comezaremos o descenso ate a fábrica da luz.

Esta fábrica, convertida en albergue, cantina e centro de formación, debe o seu poético nome a que naceu como central hidroeléctrica. En 1914 a empresa La Gallega levantou La Escalada, unha das primeiras instalacións edificadas na Galiza para aproveitar a enerxía da auga e producir electricidade. Xunto coa central, a empresa construíu unha canle, a ‘canle vella’. A auga que levaba ese canal ía parar á ‘fábrica da luz’, onde estaban as turbinas que xeraban a electricidade que subministraba a Monforte de Lemos, Ourense e a moitas das aldeas da Ribeira Sacra.

Para participar é necesario inscribirse antes do venres 19 de maio ás 13h chamando ao 982240299 ou a través do formulario de reserva https://roteirosadegalugo.wordpress.com/reserva/

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s