Roteiros 2024-25

Roteiro pola Illa de Arousa, ALTRI NON!

O vindeiro domingo 22 de xuño achegarémonos ata a Illa de Arousa, para ser conscientes dos efectos ambientais e sociais que unha industria como Altri proxectada a máis de 100Km, cun verquido contínuo sobre o río Ulla, que vería mermada aínda máis a calidade das súas augas, afectando polo tanto á ría. Coñeceremos a idiosincrasia do lugar, e como infraestruturas como a ponte supuxeron unha grande transformación da vida na illa.

O autobús deixaranos na punta do Bao dende onde partiremos seguindo o percorrido do carril bici, pola banda norte da illa. Seguindo o balcón da ría de Arousa, chegaremos ata a boca da ría.

Voltaremos ata o punto de inicio da ruta, e xa pola tarde, despois de xantar, quen queira poderase achegar ata o Parque Natural do Carreirón, declarado zona de especial protección de aves, ao sur da illa, lembra traer os teus prismáticos!

A hora de saída será ás 8h desde Lugo, haberá unha parada en Santiago de Compostela, no Pazo de Congresos e Exposicións sobre ás 9.15h, e a hora de chegada á Illa será ás 10.30h. Está previsto o regreso a Lugo ás 20h.

Roteiros 2024-25

ROTEIRO pola paisaxe e as historias do río San Xil (Casaio de Carballeda de Valdeorras)

Este domingo 11 de maio achegarémonos ata Casaio, para facer este roteiro didáctico reivindicativo, que contará coa guía excepcional do profesor e investigador do CSIC, CARLOS TEJERIZO, da Universidade de Salamanca e director do grupo de investigación SPUTNIK LABREGO que, neste momento, ten centrada a súa actividade de investigación arqueolóxica e etnográfica na zona de Casaio. A xornada rematará coa proxección do documental “A cidade da Selva” e cunha pequena charla a cargo de Carlos Tejerizo. A ruta, de dificultade media, terá unha lonxitude aproximada de 11 Km.

Seguir lendo “ROTEIRO pola paisaxe e as historias do río San Xil (Casaio de Carballeda de Valdeorras)”
Roteiros 2024-25

ROTEIRO polas terras do Val do Ser nos Ancares

Podes acceder aquí a reportaxe fotográfica

O vindeiro domingo 27 de abril (nova data) achegarémonos ata a parte alta do Val do río Ser, nun percorrido que comezará na parroquia de Vilaquinte e finalizará no lugar de Donis, todo elo no concello de Cervantes.

O percorrido, duns 18 Km. e dificultade media-alta, aproveita nos primeiros tramos a recuperación do roteiro do Val do gato, sinalizado polos Veciños de Vilaquinte no ano 2020.

O autobús deixaranos no lugar da Prida (pq. de Vilaquinte), onde realizaremos o roteiro descrito, dende onde se poderán observar as preciosas vistas do espacio natural dos Ancares e os seus cumios. Unha vez realizado este pequeno traxecto, atravesarase o río Ser ata o Souto de Chaovilarín. Un interesante enclave onde se apreciarán elementos singulares na paisaxe (numerosos castiñeiros centenarios, ouriceiras, a fonte de Fontarón de augas ferruxinosas,etc).

Dende que se atravese a aldea de Chaovilarin proseguiremos ruta cara ós Olmos (última aldea da pq. De Vilaquinte), pola denominada Franxueira. Consiste nunha zona moi escarpada que está atravesada por un sendeiro de pe que servía de comunicación entre parroquias, hoxe en desuso e lugar de recopilación de lendas. Realizando o paseo polo sendeiro poderase interaccionar totalmente coa vexetación de montaña (Carqueixas, carpanzas, xestas, etc) e divisar os cumios do Ancares (Pico Cuíña, Pena Longa, Mustallar, Pico Lagos).

Unha vez chegados á aldea de Os Olmos, seguiremos cara á aldea de Noudelo pola vía municipla, xa na parroquia de Donis, e a continuación a aldea de Cabanaxaraz, dende onde se apreciará perfectamente o lugar de Piornedo e o resto de pobos da parroquia de Donis.

A camiñada continuará pola pista baixando cara o río das Pontes de Xantes e posteriormente subindo á Igrexa parroquial de Donis, de recente rehabilitación, sendo a mellor conservada no entorno.

Roteiros 2024-25

Roteiro pola fraga Santo Estevo do Ermo

O vindeiro domingo 16 de marzo achegarémonos ata a Mariña lucense para coñecer a mina de ouro da Cova, situada no entorno da ría de Foz, e xa pola tarde achegarémonos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros.

  • Percorrido pola ría: 6 km (dificultade baixa)
  • Percorrido por Santo Estevo: 2 km (dificultade media)

A ruta iniciarase en Viladaíde, dende onde comezaremos a camiñata cara á ribeira da ría de Foz. Neste tramo, faremos unha pequena travesía pola zona intermareal, seguindo un percorrido con fermosas vistas da ría ata chegar á zona da mina romana de ouro da Cova.

Ao longo deste tramo, poderemos observar numerosos vestixios desta antiga explotación aurífera. Pasaremos pola lagoa de Pallares ou dos Patos e chegaremos ata o lugar de Pallares. Dende alí, regresaremos aos coches por pistas e camiños que atravesan esta extensa explotación romana.

Unha vez de volta en Viladaíde, colleremos os coches para desprazarnos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, onde xantaremos. Pola tarde, realizaremos un pequeno pero intenso percorrido polos tesouros que agocha esta máxica fraga.

Durante esta parte da ruta, faremos unha parada na parcela adquirida por Eira da Xoana – ADEGA. O percorrido pola fraga require especial precaución, xa que hai tramos húmedos e esvaradíos, polo que é recomendable levar bastóns.

Chegaremos ata a Fonte de Santa Rosa, onde os participantes poderán seguir o rito ancestral de deixar un anaco de tea ou pano de fibras naturais na contorna da fonte. Dende este punto, regresaremos ao inicio pasando polo Revertedoiro (fervenza) e continuando ata o lugar onde quedaron os coches.

Que levar:

  • Calzado adecuado para camiños húmedos e esvaradíos
  • Bastóns de sendeirismo recomendados
  • Roupa axeitada segundo a previsión meteorolóxica
  • Un anaco de tea ou pano de fibras naturais para a Fonte de Santa Rosa

Roteiros 2024-25

Roteiro A Horta do Rei (Lugo e Castroverde)

Roteiro de dificultade media-alta, duns 18,5 Km. de lonxitude e uns 250 m. de desnivel. Discorre polas parroquias de Teixeiro e Labio no concello de Lugo, e polas de Barredo, A Meda e Soutomerille no de Castroverde.

Comeza nos Lagos de Teixeiro, cunha primeira parte do percorrido en ascenso polo Monte Castelo, pasando polo Alto da Chousa e chegando á Pena do Castelo Vello, onde queda a lembranza da presenza de guerreiros viquingos na Baixa Idade Media. Desde o miradoiro acondicionado neste lugar poderemos contemplar amplas panorámicas.

Seguir lendo “Roteiro A Horta do Rei (Lugo e Castroverde)”