Roteiros 2023-24

CRONICA Roteiro Ollando Asturias dende A Fonsagrada

A reportaxe fotográfica da xornada podes consultala aquí.

O día 21 de abril realizamos unha ruta por Fonsagrada a cargo de Uxío e Soidade. A primeira parada foi o Museo etnográfico deste mesmo lugar e onde Manolo Miranda, un home casado cunha fonsagradina, participou na montaxe do mesmo. Aquí nos comentou diversos aspectos curiosos acerca das tradicións que existían antigamente neste lugar, como pode ser unha pequena bolsa con tres canicas dentro que empregaban as mulleres do pobo para que lles baixara a leite cando tiñan fillos/as.

Ademais, tamén nos contaron que nesa zona era moi común empregar obxectos feitos con madeira e non con barro, xa que a olería en Fonsagrada era moi escasa. De feito, non se empregaba a clásica xarra para beber viño, senón que tiñan o seu propio recipiente chamado “cacho”, unha especie de cunca de gran tamaño e feita, como non podía ser doutra maneira, de madeira. Na seguinte imaxe podemos ver unha representación dun home utilizando este obxecto para beber.

Outra curiosidade é un anaco de corno queimado que empregaban cando tiñan dor de moas. Ó respecto disto, Manolo comentounos tamén que aínda que dispoñía de moita información das tradicións que alí se facían, non tiña moi claro como se empregaba neste caso o corno. Resoultou tamén moi interesante un obxecto cuxa finalidade era atrapar os ourizos que caían ó río, xa que en épocas de moita fame non se podían permitir desperdiciar comida.

Xa finalizando a visita ó museo, rematamos na última planta, onde se nos amosaban diversas maquetas de casas ou construcións que se atopaban na zona e que denotaban o gran poder adquisitivo que se tivo anos atrás en Fonsagrada. Ademais, puidemos ver unha réplica da “pedra formosa”, unha construción que podemos ver na sauna do Castro de Castañoso e que tiña como función evitar que escaparan os vapores. Recibe este nome polos castros de Portugal, nos que tamén se atopa esta construción decorada con diferentes elementos e as catalogaban como fermosas.

Estas saunas non se sabe moi ben para que servían, pero hai varias teorías. Unha delas é que se empregaba como unha representación dun nacemento, xa que salías dun lugar escuro, quente e húmido para saír reconvertido noutra persoa. Por outro lado, tamén se cree que pode estar relacionado coa relixión, como lugar de culto no que as persoas que accedían alí facíano para pedir algo ós deuses, rezar ou realizar algún tipo de acto relixioso.

Tras o museo desprazámonos en bus ata Liñares de Bidul, lugar onde empezaba o roteiro de hoxe, duns 10km. Durante este traxecto explicáronnos que estábamos pasando pola zona por onde pasa o trazado do Camiño Primitivo, o cal conta cunha ruta de costa e unha ruta de interior, e no noso caso corresponde á ruta de interior. En certo punto desviámonos deste trazado do Camiño e procedemos a baixar uns 700 metros ata a ribeira do río Navia. Tamén nos explicaron que dende aquí e en parte da ruta pódenser ver Os Ancares, os cales inda están cubertos con algo de neve, e que neste lugar chámanlle “Os Portos”.

Chegados aos noso destino, iniciamos a ruta do “Sendeiro da ferrería”, e tal e como nos indicaron podemos ver Os Ancares con restos de neve. Gran parte da vexetación desta zona esta dominada por breixos, toxos e xestas tanto amarelas como brancas.

Durante o roteiro, que foi en gran parte unha baixada, atopamos diferentes edificacións abandoadas, como alvarizas, edificacións circulares de pedra para protexer grupos de colmenas dos ataques dos osos; ou pequenos conxuntos de varias casas, nas que os guías nos explicaron algunha información acerca do lugar, das actividades e formas de vida, ou as casuísticas de vida das últimas persoas habitantes. Nun dos poblados, o motivo de abandono foi o difícil acceso a estas vivendas debido a súa localización tan remota na montaña, onde a posibilidade de construcción dunha vía de acceso é moi baixa.

O roteiro brindounos unha amplia variedade de paisaxes e rincóns diferentes que permitiron aos camiñantes disfrutar da natureza e dos pequenos detalles, como cascadas, vexetación variada –, gamón, érbedos, zonas con viñedos–, intensas baixadas…

O lugar onde comimos contaba cunha fonte e varias edificacións, das cales algunhas eran hórreos de base cuadrangular, típicos nesta zona tan próxima á comunidade de Asturias. Unha destas edificacións, contaba coa tapa dunha pota a modo de cuberta da chimenea, o que nos pareceu unha solución inxeniosa e simpática. Tamén vimos varios cabalos que nos brindaron compañía e ós cales alimentamos con algún resto das nosas comidas.

Xa de cara ao final da ruta chegamos a unha ponte colgante, que pasa sobre o río Navia, río que como indicamos ao incio foi o que nos acompañou ao longo deste traxecto. Esta ponte separa as comunidades autónomas de Galicia e Asturias. En cada lado da ponte hai un cartel que indica que ese tramo ten unha réxime especial compartida ca outra comunidade.

Tras cruzar a ponte dimos unha pequena volta para pasar por unha pequena aldea xa en territorio asturiano, chamada Riodeporcos. Estivemos un rato ante unha casa cun forrado de madeira, onde unha das persoas participantes comentou que algunha da madeira que se emprega moito, e que seguramente é da que estaba feita esa casa son a xatoba e o iroco, pero que son especies exóticas. Unha especie de aquí que se emprega é o abeto, que é moi resistente á humidade.

A nosa última parada foi na Fornaza, unha pequena aldea na que fai anos vivían cinco familias. Aquí Manolo explicounos os distintos tipos de minas que podíamos atopar nesa zona. Algunhas eran de ouro, outras de prata e a coñecida como Mina “La Prudencia” para a extracción de chumbo. O ferro que sacaban desa zona era quentado en fornos que o deixaban coa textura da plastilina, xa que non había recursos tecnolóxicos para fundilo, e así a través de golpes conseguían purificalo.

Deixar un comentario