Roteiros 2019 - 2020

ADEGA Lugo presenta os roteiros do curso 2019-2020 baixo o título “Tecendo Redes”

Cartaz roteiros 2019-2020

ADEGA-Lugo, cunha programación de roteiros que vén de facer 20 anos e que é xa toda unha seña de identidade da delegación de Lugo, quere seguir convidando a todos os públicos a gozar e coñecer as mil e unha paisaxes, os mil e un tesouros ambientais e patrimoniais, os mil e un territorios dun país que a cada paso tantas xoias como historias garda.

Tantos anos percorrendo os camiños da Galiza constan unha certeza: por fortuna, cada un destes tesouros, nas súas mil e unha feituras, ten un ronsel de afoutas e afoutos coidadores e gardiás. Malia as desatencións, malia as agresións, malia as ameazas que eses tesouros tantas veces e tan inxustamente padecen.

Moitas destas heroicas valedoras do país, do seu medio natural, da súa paisaxe, das obras e saberes colectivos das súas xentes, son as asociacións culturais de base: grupos de mulleres e de homes con medios e recursos moi modestos, mais cunha capacidade creativa e de traballo que o compensa todo. E, sobre todo, cun grande amor a canto teñen arredor de si.

Esta rede é outra das xoias que deu o noso pobo: un tesouro inmenso que hai que conservar, coidar, visibilizar. E seguir tecendo, para que chegue máis grande e forte ás xeracións futuras. 

A espallar e afortalar esta rede de valedoras e valedores do noso é ao que propomos contribuír desde ADEGA-Lugo co Programa de Roteiros 2019-2020, recoñecendo e agradecendo o seu valioso (e valeroso) traballo, e aprendendo dos seus saberes e coñecementos sobre o territorio, a paisaxe, o patrimonio, a historia…

Que mellor maneira de percorrer o país que a través da ollada de quen máis fai por amalo. Por iso este curso 2019-2020 ADEGA LUGO estará TECENDO REDES.               

O primeiro roteiro terá lugar o vindeiro domingo 3 de novembro cunha xornada lúdico reivindicativa pola Serra do Iribio. O prazo para anotarse neste roteiro finaliza o mércores 30 de novembro.

Web e formulario de reserva

Á páxina web específica para esta actividade de divulgación ambiental, pódese acceder a través da URL https://roteirosadegalugo.wordpress.com. Neste sitio web poderase consultar o programa de roteiros, a información relativa a cada saída e tamén o formulario a través do cal se deberán inscribir as persoas participantes. Tamén poderán reservar praza a través dos números de teléfono 982240299 e 677800293. As inscricións teranse que facer antes das 14h do xoves da semana da saída.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

A saída do autobús terá lugar ás 8.00 ou ás 9.00 horas da mañá, dependendo da proximidade do destino,  fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.

Programa de Roteiros: TECENDO REDES

A continuación indícanse cales serán as datas, os destinos, e os colectivos que colaboran nos roteiros “Tecendo Redes” de ADEGA-Lugo:

  • 3 de novembro: A Serra do Iribio. Plataforma Salvemos o Iribio.
  • 24 de novembro: O Bierzo, a Galiza irredenta. Asoc. Tyto Alba.
  • 22 de decembro: O Lugo de Carvalho Calero. Escola Oficial de Idiomas, colabora Colexio de Fingoi.
  • 19 de xaneiro: Terras do Miño, terras do Neira e fontes do río Tórdea. Amigos do Patrimonio de Castroverde.
  • 23 de febreiro: Mádia-Leva, 12 anos na historia de Lugo. CS Mádia Leva.
  • 22 de marzo: As Mariñas Betanceiras. AC Roxín Roxal
  • 19 de abril: Os Ancares naviegos. Asoc. Irmandade naviega
  • 24 de maio: Negueira de Muñiz. Asoc. Polo Desenvolvemento de Negueira.
  • 21 de xuño: A Fonsagrada. Mariña Patrimonio.

Para máis información: 677 800 293 (Lucía)

Deixar un comentario