Roteiros 2023-24, Sen clasificar

ROTEIRO “Ollando Asturias dende A Fonsagrada”

O vindeiro domingo 21 de abril, a delegación de Lugo de ADEGA, no marco do programa de roteiros “As montañas gardiás da nosa historia”; achegarémonos ata a aldea Liñares de Vidul, nun percorrido a través de antigos sendeiros que nos permitirá ollar Asturias dende a Fonsagrada. A xornada comezará cunha visita ao Museo Etnográfico da Fonsagrada.

Dende alí colleremos o autobús, que nos deixará no punto de inicio, na aldea de Liñares de Vidul, onde comezará a ruta por antigos sendeiros, con lugares abandonados e fermosos bosques de vexetación autóctona, antigas construcións tradicionais como ouriceiras ou ferreirías.

Pasaremos polo agora abandonado lugar de Ludeiro, con restos de adegas antigas e fornos de fundición de ferro. Continuaremos a andaina cara á cola do encoro de Grandas de Salime, pola variante de Riodeporcos, bonita vila asturiana á que accederemos a través dunha ponte colgante. Seguindo o leito do río, se o caudal o permite, chegaremos a Fornaza, onde nos recollerá o autobús para o regreso. 

O percorrido é duns 10 Km e de dificultade media debido ás pendentes de baixada. 

O autobús sairá ás 9h dende Lugo e estará de volta sobre ás 19h (o horario de regreso pode variar).

Sen clasificar

Crónica do roteiro polo Xistral

O día 17 de marzo visitamos a Serra do Xistral, onde aprendemos a importancia
das turbeiras como reguladores hídricos grazas á participación de Xabier Pontevedra Pombal, Profesor titular no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Bioloxía da USC, membro do Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural (FEMAP, GI-1234), Rafael Carballeira investigador posdoutoral no Instituto Cavanilles de Biodiversidade e Bioloxía evolutiva da Universidade de Valencia, e ademais contaremos con Marcos Valcárcel xeomorfólogo especialista en ambientes glacieres e paleoglaciares, Profesor do Departamento de Xeografía da USC. Podes ver a reportaxe fotográfica completa aquí.

As turbeiras son un tipo de humidal ácido (o Ph do solo está entre 3 e 3’5) que se forma pola acumulación de material orgánico parcialmente descomposto (necromasa vexetal) en áreas cun alto contido en auga. Este nivel freático tan alto é o que fai que se ralentice a descomposición dos materiais orgánicos pola ausencia de osíxeno, ademais, as turbeiras actúan como sumideiros de carbono, o que da como resultado unha ralentización do cambio climático ó evitar que este elemento se libere.

O Xistral é unha montaña pouco elevada, pero a tan só 15 quilómetros do mar, o
que lle da un carácter moi oceánico. É por isto que dende o punto de vista climático ten
características particulares, únicamente 600 horas anuais de luz solar, o que fai que
sexa un dos lugares de Europa con menos radiación. Ademais, podemos engadir que
este macizo montañoso é relativamente antigo comparado co resto de montañas
galegas, que son máis recentes. Outra característica que o fai tamén moi interesante é
que en apenas 2 quilómetros descendemos de 1000 a 400 metros de altitude.

Esta zona de turbeira ten orixe nun fenómeno de glaciación producido no
pleistoceno, o glaciarismo de máis baixa cota de toda Europa. Durante moitos anos
creuse que este fenómeno unicamente sucedía nos países nórdicos de Europa, pero co
paso do tempo erradicouse esa visión, demostrando que Galicia foi un lugar onde se
atopaban numerosos glaciares. Todas estas características deixaron unha herencia
morfoxenética de gran interese, destacándose a Cuarcita do Xistral.


Neste lugar podemos atopar diferentes tipos de tubeiras: como as de covertor,
que para atopar unhas similares hai que desprazarse ata zonas de Irlanda ou Reino Unido; as ombrotróficas, que están condicionadas polo ambiente ou as mineiras, que se
ven modificadas polas características do solo. Tamén atopamos unha gran cantidade
de espazo que se podería considerar turbeira de transición: isto significa que son
terrenos que están modando dun tipo de turbeira a outra, ou que son solos que
seguramente se convirtan en turbeira. Polo noso roteiro tamén conseguimos ver outro
tipo máis, as turbeiras de tremedal, unhas 60 hectáreas de espazo que intentaron
drenar para a plantación de pinos pero que non se puido levar a cabo debido ás
condicións do solo e metereolóxicas deste lugar.


As turbeiras son un fenómeno de gran importancia xa que durante as secas
estivais durante os meses de verán, estas funcionan coma esponxas grazas á súa
vexentación porosa. É necesario ter isto en conta, porque debido a nosa litoloxía, Galicia
non conta con acuíferos, o que significa que as nosas reservas de auga están sempre
fluíndo, e dependen moito das choivas. As augas das tubeiras inda que poidan parecer
estancas pola acumulación, tamén fluen lentamente cara o mar.

Ao longo do roteiro realizado puidemos observar nas ladeiras das montañas
unhas zonas de pedras grises acumuladas. Estas acumulacións rochosas creáronse de
maneira natural, deslizándose e agrupándose co paso do tempo. Para saber se son
estables debemos fixarnos en se hai líquenes nelas, xa que de non habelos habería que
ter moito coidado con este material, porque existe o risco de que se siga desprazando.

Unha especie vexetal moi importante para esta zona é a Erica mackaiana (ou
brezo de Mackay), un endemismo atlántico que está dentro do catálogo galego de
especies ameazadas. Por outro lado, a maior parte da vexetación que podemos atopar
neste lugar é denominada “oligotrófica”, término que fai referencia a especies que non
necesitan unha gran cantidade de nutrientes para sobrevivir. A presenza desta
vexetación ven determinada polo tipo de chan que hai neste lugar.

Respecto ás especies animais, puidemos observar aves, coma os voitres e
mamíferos, como vacas e cabalos. Resulta curioso observar como os cabalos salvaxes
están tan acostumados á presenza de seres humanos no seu hábitat que non se
asustan nin escapan cando te achegas a eles. Dependendo dende que punto de vista se
observe, isto pode ser algo negativo, xa que poden estar máis expostos a perigos
xerados polos humanos.

Outro tema que se tratou nesta saída foi a presenza de aeroxeneradores neste espazo natural, algo que pode causar controversia e dúbidas por tratarse dunha zona
protexida. Explicóusenos que este parque eólico foi construído e autorizado antes de
considerarse a Serra do Xistral como un espazo da Rede Natura 2000, o que fixo que
non existiran tantas limitacións para poder levalo a cabo. Na actualidade o impacto
ecolóxico e visual de dito parque eólico é moi elevado.

Unha actividade interesante que realizamos foi perforar o solo cunha vara
metálica, que permitía sentir nas propias mans a textura blanda do terreo e a sensación
de efecto ventosa ao retirala. Con esto puidemos comprobar o que fomos comentando
ao longo da saída: a gran porosidade ca que conta este lugar, puidendo chegar aos 4
metros de profundidade antes de atopar sendimentos de estrutura sólida.


Finalmente, tamén podemos deixar rexistro dun par de elementos curiosos observados ao longo do roteiro que nos chamaron a atención: o que parecen restos de pelo animal e líquenes dun tono verde forte nalgunhas rochas preto do río. Fixarse nestes elementos que se poden atopar ao longo dunha ruta son os que fan que a actividade sexa tan enriquecedora e che permita apreciar os pequenos detalles do mundo natural.