Roteiros 2022-2023

ROTEIRO O Miño ameazado en orixe (Meira)

Este domingo 18 de decembro, contaremos coa participación da Plataforma Alto Miño Eólica Así Non, que nos guiarán neste roteiro no que comprobaremos a magnitude do desenrolo de renovábeis no noso País.
O punto de partida deste roteiro será no centro de Meira. Xa na propia vila somos conscientes da afectación social e patrimonial do actual desenvolvemento eólico, pois parte da vila queda dentro da poligonal do proxecto Ventisca e a outra ao proxecto eólico Monzón. Veremos o trazado da liña de evacuación, con afectación, dada a súa proximidade ao Mosteiro de Santa María, catalogado como Ben de Interese Cultural. Coñeceremos algo máis deste ben patrimonial.
O autobús deixaranos nas proximidades do Alto do Pereiro, punto de inicio da ruta circular, duns 5Km de percorrido polos terreos afectados polo parque eólico Monzón, zona cunha grande actividade agrícola e gandeira. Dende o alto seremos conscientes da grande cantidade de aeroxeneradores xa implantados e en funcionamento nas serras estremeiras, como as da Cruz da Cancela, Campo do Oso ou San Martiño de Corbelle.
Unha vez rematada a andaina colleremos novamente o autobús para retornar a Meira e xantar ao cuberto no Cabanón.
Dende aquí achegarémonos ata Cirio, en Pol, para ver a magnitude dos eólicos xa instalados e en funcionamento, similares aos proxectados nas centrais eólicas de Meira. Ademais coñeceremos a Ermida da Nosa Señora das Neves.

A dificultade deste roteiro é baixa.

Roteiros 2022-2023

Roteiro “O corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra”

Volta arredor da Finca de Quintas. Serpentinas de Melide.

Distancia: Entre 8 e 10 km, dependendo do estado dos camiños polas chuvas. Dificultade baixa.

A Finca de Quintas foi un espazo agrogandeiro de case 200 ha no centro de Galicia, nunha zona relativamente chan entre a Serra do Careón e o río Ulla: unha paisaxe pouco habitual en Galicia á que contribúe decisivamente o peculiar substrato xeolóxico de rochas serpentiníticas.

Zona transitada polo lobo, cunha elevada riqueza de aves e, sobre todo, con vexetación e flora de extraordinaria rareza, que acolle varias especies exclusivas a nivel mundial, catalogadas en perigo crítico de extinción a raíz da acelerada transformación do uso da terra desta comarca nas últimas décadas.

Ler máis: Roteiro “O corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra”

Neste contexto, a Xunta de Galicia anunciou que quere instalar sobre esta xoia natural unha fábrica de celulosas para elaborar fibras textís a partir de madeira de eucalipto.

No roteiro daremos volta a toda a finca, a ambas marxes do río Seco, limite entre os concellos de Palas de Rei e Santiso, reivindicando a vital importancia de deter a perda de biodiversidade para a saúde do planeta e para un desenvolvemento humano sustentable.

Roteiros 2022-2023

ROTEIRO “O Courel Revive Sempre”

Inauguramos o programa de roteiros deste curso 2022/23 como non podía ser doutro xeito, cunha andaina polo Courel.

Orlando Álvarez será quen nos guíe nesta andaina na que partiremos dende o Alto do Couto para achegarnos ata o Chan da Rogueira, dende onde cruzaremos a Devesa polo Carreiro dos Dez Regueiros, ata sair pola louseira dos Carrís ao Val de Ferreirós. Avanzaremos ata o miradoiro de Pico Polín, entre o Courel aburado e os eidos librados do lume. Descenderemos pola Serra da Lomba ata coller o Camiño de Parada nas Chas.

O percorrido ten unha lonxitude de 9 Km (3-4 horas) e de dificultade media.

Xa en Parada visitaremos a Fundación Uxío Novoneyra e encontrarémonos con Juan de Vilar, para entregarlle o diploma do premio osíxeno dado por ADEGA no ano 2008 e que se queimou no incendio do seu museo etnográfico.

” Devesa da Rogueira “
Bidueiros cimeiros !
Pena das Augas !
Xardois teixos !
rebelos tocos faías derrubadas !
Camiña da Veneira !
Carreiro dos dez regueiros !
Cereixas de Carnabudo ! Abrotias abrairas
pincheiras e pincheiras !
Eiquí sempre foi bosque…….
Ruxir solo
da fonte do corzo !
Barbas do mofo !
Pingando dos toros ! ( Novoneyra)

Pola Lomba,
polas vagoadas i os cousos da Seara,
pola serra do Rebolo
e o Carreiro de Sono
vai o José de Parada. (Novoneyra)

Roteiros 2021- 2022

ROTEIRO Camiñando polas terras do Lobishome

O vindeiro domingo 12 de xuño poñemos punto e final ao programa de roteiros As nosas sagradas montañas. Achegarémonos ata o Bidueiral de Montederramo, unha das xoias dos bosques galegos, razón pola que foi declarado Lugar de Interese Comunitario e que ofrece unha diversidade de paisaxes que vai máis aló da masa forestal de bidueiros. Guiarános no percorrido Ramsés Pérez, coordinador da equipa de Educación Ambiental de ADEGA.

Faremos unha ruta circular que aínda sendo de aproximadamente 20 Km a dificultade da mesma é baixa. Comezaremos o ascenso en A Mogaínza, a través dunha pista forestal chegaremos ata o Bidueiral (en azul). O percorrido a través do Bidueiral (en rosa) é circular e voltaremos á mesma pista forestal que nos levará de volta.

A Serra de San Mamede situáse no noroeste do Macizo Central ourensán, considerada a Alta Montaña galega. O LIC Bidueiral de Montederramo é un espazo cunha extensión de 1.984 ha, e a sua altitude vai dende os 959 m. na cota inferior aos 1619 m. na superior, correspondente ao cumio que dá nome á serra, o Alto de San Mamede.

Unha das singularidades que definen este território é a presenza dun dos bosques de bidueiros mellor conservados, ademais de uceiras secas europeas e as uceiras ortomediterráneas endémicas con toxo, os rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthiobn ou do Dedo albi-veronicion dillenii, as carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica e os bosques de Ilex aquifolium.

A fauna atinxe unha ampla comunidade zoolóxica, en especial a asociada ás zonas de montaña, na que habitan aproximadamente unhas 108 especies de aves que visitan a serra en diferentes momentos do ano. Entre esta ornitofauna destaca a maxestuosa aguia real ou as bulideiras picas alpinas, lavercas ou bicotortos. Algúns dos representantes dos mamíferos son o auganeiro, martas, lebres, corzos, cervos, porcos bravos e o lobo.

E falando de lobos e homes… Os camiños do bidueiral foron os
protagonistas das andanzas e fechorías dun dos lobishomes máis famosos de
Galiza, Romasanta. Durante o percorrido, coñeceremos algo máis deste personaxe que parece sacado dunha historia de terror.

Roteiros 2021- 2022

ROTEIRO A Galiza Estremeira

Podes ver as fotos do roteiro aquí. Continuando co programa de roteiros “As nosas sagradas montañas” o vindeiro domingo 22 de maio, faremos o penúltimo dos percorridos do programa As nosas sagradas montañas.

Este roteiro facémolo en colaboración coa asociación Bierzo Aire Limpo, e levaranos ata Molinaseca, vila moi próxima a Ponferrada, punto de comezo da ruta circular.

A senda levaranos ata “Las Puentes de Malpaso”, onde poderemos desfrutar da multitude de cursos fluviais que hai nesta zona, ríos regos e fervenzas, que xunto ás pontes medievais conforman esta paisaxe de gran beleza.

O camiño de volta a Molinaseca farémolo polo camiño de Santiago francés, e poderemos desfrutar das panorámicas do val.

O percorrido é duns 11Km e de dificultade Baixa, aínda que cun treito de algo de costa. Na seguinte ligazón tes toda a información da ruta.

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/las-puentes-de-malpaso-molinaseca-las-puentes-de-malpaso-riego-de-ambros-molinaseca-21-01-16-12018532