O vindeiro domingo 23 de xaneiro, visitaremos novamente os Ancares, xunto co colectivo Patrimonio dos Ancares, para coñecer o gran patrimonio arqueolóxico que hai nas zonas de Cervantes e Becerreá.
O autobús levaranos ata a Necrópole megalítica da Pena dos Mouros-Alto do Oural, en Cervantes, composta por 9 mámoas, e a 1.180 metros de altitude. Dende aquí colleremos o autobús que nos deixará no Castro de Santa María, en Cervantes, século I a.C.-II d.C. declarado BIC. Nas inmediacións hai varias explotacións mineiras de época romana de grande interese. Aproveitaremos para xantar no Castro.
Velaquí algunhas fotos do roteiro do pasado domingo 19 de decembro, guiado por Toño Núñez da A.V. Irmandade Naviega. As condicións meteorolóxicas non nos permitiron seguir a andaina prevista inicialmente dende Porto Ancares ata Miravalles, xa que o vento dificultaba moito a andaina polo cumio, así que o noso atento guía trazou rapidamente unha alternativa, e baixamos ata Murias. Nesta nova ruta coñecimos as alzadas de Pan de Zarco, e coñecimos algúns dos curtíns ou alvarizas da zona. Tamén visitamos a aldea de Rao e descubrimos pequenas pezas de arte escondidas en Navia de Suarna. Moitas grazas a Toño por compartir con nós este camiño, e ás participantes que pese as adversidades non perdestes o bo humor.
Este domingo 21 de novembro, camiñaremos pola Serra da Cova da Serpe, e coñeceremos algunhas das lendas asociadas a este elemento xeolóxico, situado na confluencia dos Concellos de Friol, Guitiriz e Sobrado, e que estivo a piques de desaparecer coa dinamita dos parques eólicos construídos nesta Serra.
Comezaremos no Camiño de Santiago Norte, preto da aldea A Pena Branca, dende onde subiremos ao alto para acadar as pistas forestais e dos parque eólicos, paralelas á liña dos cumios da Serra da Cova da Serpe ata chegar ata a Cova, orixe de moitas lendas . Seguiremos o trazado das pistas, ata dar coas aldeas da contorna da parroquia das Negradas, val que se pecha entre os montes desta parte da Serra.
Collemos novamente o Camiño Norte, e outra vez a estrada que nos levou ata Pena Branca, pero agora preto de Mariz, pasando polo Vilar.
A Dificultade desta andaina e Media/Baixa, tendo en conta que a primeira subida, dende A Pena Branca e o cumio da serra ten unha forte pendente (coincidindo co paso do Camiño de Lugo á Coruña).
Esta ruta é un exemplo da paisaxe rural da Dorsal galega, na contorna da Serra do Cordal de Montouto, Serra da Loba, da Chaira, Guitiriz, a Braña do Boedo (unha das maiores brañas da Península e totalmente descoñecida). Tamén poderemos observar Paporroibo, Miñato, Pombo, acibros, carballos, castiñeiros e bidueiros.
O guía aconséllanos levar chaleco, botas ou calzado forte, bastón, mochila, chuvasqueiro, roupa de abrigo e repouso, auga e comida (xantaremos polo medio da ruta).
Esta actividade pode ser axeitada para rapazas e rapaces de máis de 10 anos con experiencia en sendeirismo. A distancia aproximada é de 9-12Km.
Este roteiro faise en colaboración cos colectivos Xermolos e Lareira de Soños.
Este domingo 24 de outubro daremos inicio ao novo programa de roteiros “As nosas sagradas montañas”, e como é costume no Courel.
O autobús deixaramos no Alto do Couto, e faremos a entrada polo Chan da Rogueira, seguiremos o Carreiro dos dez Regueiros ata a Fonte do Cervo e saída ao Val Glaciar de Ferreirós. Neste punto consideraremos a opción de visitar o Pico Polín. Pasaremos pola Campada Lucenza, e poderemos visitar a Lagoa co mesmo nome ou ver os fósiles crinoides do Ordovícico. Subiremos ata o Teso das Papoulas, e baixaremos ata a Boca da Rogueira, para iniciar dende alí a subida a Formigueiros.
Dende o cumio de Formigueiros (1654m) daremos a opción de baixar pola pista ata o alto do Couto ou ben baixar pola arista panoráminca desta fermosa montaña. Ao rematar e para coller forzas, poderemos desfrutar dun magosto.
A distancia total é de dez quilómetros, sen contar as visitas opcionais ao Pico Polín e/ou a Lagoa da Lucenza, que de facerse as dúas serían en total 14 km. Percorrido de dificultade media.