
O vindeiro domingo 15 de xaneiro achegarémonos ata Friol. Contaremos co investigador Brais Rodríguez Romero gran coñecedor do megalitismo da zona e co historiador Javier Gómez Vila, que nos guiarán neste percorrido a través da grande riqueza patrimonial do Concello de Friol.
Partiremos dende a capitalidade (Café Friol) e finalizaremos na aldea central da parroquia de Serén. No traxecto atoparemos castros, capelas, medorras, petróglifos e manifestacións naturais como as “Penas do Freire” ou as “Penas do Gas”. Pasaremos polas fincas Esterpeiro e Lamelos que ADEGA ten en custodia, grazas ao acordo asinado a principios do ano 2022 con Carmen Perez Vázquez da casa de Covas de Serén, socia que tamén fixo a doazón á Fundación Eira da Xoana, da parcela Rego Salgueiro.
No noso camiño pasaremos pola casa do escritor, xornalista e filósofo friolés Celestino Fernández de la Vega. Na senda do fermoso Río Narla, atoparemos o muíño de Serén, e o campamento Castrexo da asociación de divulgación e recreación histórica Castronela, para logo seguir polo vello camiño de Friol / Guldriz que nos deixará diversas manifestacións humanas como a medorra e o petróglifo da Necrópole Megalítica Costa de Mera situada na finca Rego Salgueiro.
A necrópole Megalítica Costa de Mera, ten 34 metros de diámetro e 2 m de altura, foi descuberta por Juan Núñez Jato a finais dos anos oitenta do século pasado. Conserva sete pedras da cámara megalítica, sen tampa cobertoira, removidas da súa posición orixinal. Posteriormente foi visitada por Parcero Oubiña e Otero Vilariño que documentaron nun dos esteos uns cruciformes de factura posterior. No mes de maio de 2021, localizouse na cara interna inferior dun dos esteos do dolmen un motivo inexistente na provincia de Lugo e moi escaso no megalitismo galego, trátase dunha magnífica representación do sol formado por catorce liñas radiais que parten dun círculo.
O percorrido é lineal, de 15 Km de lonxitude e dificultade baixa.