O vindeiro domingo 22 de marzo, continuaremos “Tecendo Redes” esta vez coas xentes da Asociación Roxín Roxal, cun roteiro a través da Rede Natura Betanzos-Mandeo.
Coa colaboración do histórico experto e militante ambientalista Fernando Bandín, observaremos os conflictos ambientais que afectan á zona do Mandeo, Mariñas e Ría de Betanzos: eucaliptización, contaminación no Mandeo e na Ría de Betanzos, especies invasoras, minicentral do Zarzo, Carrizal de San Xiao, Campos de tiro e fútbol no xuncal de Miodelo, recheos na praia de Sada e tamén visitaremos a reserva de anfibios de Oís.
O autobús deixaranos ás 10h no lugar de A esperuca, na NVI diante do Restaurante La Paz, onde tomaremos o café. Aquí comeza a andaina de aprox. 10Km. Seguindo a ribeira do Río Mandeo, pasaremos por Chelo, Ponte Teixeiro, Río Meizoso, Central do Zarzo. Tamén visitaremos o carrizal de San Xiao. Chegaremos á Praza do Campo, en Betanzos onde nos recollerá o autobús sobre ás 14h.
Dende aquí iremos ao Pazo de Mariñán, onde visitaremos o Observatorio da Ría de Betanzos e teremos información sobre o valor desta ría. Aquí faremos un pequeno descanso para xantar o que levemos.
Sobre ás 15.30 dende o Pazo de Mariñán faremos unha andaina de aprox. 2 Km ata o Xuncal de Miodelo. Neste punto sobre ás 16.30h, colleremos novamente o autobús para ir a Sada, onde coñeceremos o valor ambiental deste areal e o proxecto de recheo sobre a praia e as súas nefastas consecuencias.
Ás 18h recolleranos o autobús en Sada para o regreso a Lugo. Aproveitando esta viaxe de volta, perto da NVI temos prevista unha visita á Reserva do Catorce, primeira reserva de anfibios de Galiza, situada no lugar de Ois, onde se creou un espazo ambiental aproveitando e transformando o que foi unha canteira.