Roteiros 2019 - 2020

Roteiro “Mádia Leva, 12 anos na historia de Lugo”

Podes ver a reportaxe fotográfica aquí.

  • Lonxitude: 7 Kms
  • Duración: 3h
  • Dificultade: Baixa
  • Finalizaremos o roteiro despois do xantar de convivo no río.

O vindeiro domingo 23 de febreiro, continuamos co programa de roteiros, esta vez da man do CS Mádia Leva, que nos amosarán os puntos máis emblemáticos de Lugo na actividade do centro social: A Historia do Mádia-Leva en Lugo, ou a Historia de Lugo dende o Mádia-Leva, ou Mádia-Leva na Historia de Lugo.

Saímos da Praza dos Mártires de Carral, entramos no Lugo amurallado e revivimos aspectos importantes da importante pegada da nosa cidade no Nacionalismo Galego. Saímos de Lugo por onde transitaba o trovador Esquío e no antiguo barrio do Carmen collemos o Camiño, un deles, e tiramos cara ó Miño, a nosa Raia Húmida, a nosa muralla de auga, onde miraremos, veremos, falaremos e despois xantaremos para rematarmos o Roteiro.

MÁRTIRES DE CARRAL 2-4-1846.- Concéntrase Miguel Solís e Cuetos co 2º Bón do Rexemento Zamora nº 8, co Rexemento Provincial Xixón de Lugo e co Escuadrón de Lanceiros Villaviciosa. Disolven a Deputación e o Consello Provincial. Logran sublevar a guarnición, controlan a cidade dende a Muralla, desarman á Guardia Civil, arrestan ó Comandante Xeneral. Cegan as portas da Muralla agás a de San Pedro. Derruban parte das casas adosadas e outras foron bombardeadas polo Xeneral de la Concha. Diríxense á Pza. Maior, onde Solís le unha proclama – aparece crara a súa fidelidade á Isabel II – e arenga ás suas tropas. 1 hora despois constitúese a Xunta de Goberno de Lugo. Suprimen o Concello e a policía, cesan a varios profesores do Instituto…

CORREOS.- Fixo parte do convento de dominicas, que empezan a derrubar no 1840. Houbo un complexo de dependencias do Estado; Intendencia Provincial (Facenda), Correos e máis o Cuartel da Milicia Nacional, con seguridade tamén o Goberno Civil e a Deputación. No 1861 no edificio de Facenda estaba Facenda, o Cuartel de Carabineiros e Cuartel da Gª Civil.

HOTEL MÉNDEZ NÚÑEZ.- Aquí reúnese no 1918 a I ASEMBLEA NACIONALISTA DE LUGO. Antes foi a Fonda La Española, na que chegou a estar hospedado Manuel Murguía. Novamente Lugo volve a ser capital do independentismo xa que por 1ª vez os provincialistas pasan a definirse como nacionalistas galegos. O Mádia ven conmemorando este acto dende hai 12 anos, ás veces en solitario e outras en colaboración con outros colectivos nacionalistas. No 1932 neste Hotel faise unha homenaxe a Castelao.

PZA. DE SAN DOMINGOS.- Importantísima na Historia de Lugo, unha das vías principais romanas. Atópase a Igrexa dos Dominicos, instalados en Lugo no s. XIV en competencia cos franciscanos, auxe das órdens Mendicantes ou de Predicadores sustituindo a bieitos e monxes de Cluny, máis rurais e máis feudais. Esta igrexa foi centro de reclutamento do 1931/34. Centro da vida comercial de Lugo nos s. XIX-XX; importantes comercios. Testemuño das Revoltas da Fame en 1918. Aquí instalábanse as barracas do San Froilán nos anos 50/60; a Tómbola do Cubo, os “caballitos”, a Churrería Galiano, coches de choque dos Hnos. Camarero… Aquí celebramos o Sanfroilán Asociativo, dende xa hai 8 anos, con pulsos ás institucións e teimosía pola nosa parte, xermolo de cordinacións e tecido de redes de colectivos de Lugo.

DEPUTACIÓN DE LUGO.- A Deputación e o Goberno Civil veñen da división administrativa de Javier de Burgos (30-11-1833). Esta foi creada no 1836. Na República esta rúa pasou a chamarse García Hernández (fusilado polo levantamento de Jaca). Edificio construido para ser Hospital, nunca chegou a ter esta función. despois do 1858; no 1873 instalouse aquí o Instituto, Biblioteca e a Deputación, que se quixo suprimir no 1846 e no 1918. Logo no 1846 a Deputación non estaba aquí.

CUARTEL DE SAN FERNANDO.- Construido no 1779, no reinado e por orde de Carlos III, para hospitalizar aos inválidos do exército. Neoclásico. BIC. Compartían espazo o Hospital e un Batallón de Infantería, con sendos patios. Estivo aquí o Rexemento de Infantería Zamora 8 ata 1931 (disolto en Ourense no 1987), despois del o Rex. Infantería Zaragoza 12, que pasou a chamarse Montaña 30, ata 1943. O 20-7-36, repártense armas aos falangistas.

AMOR MEILÁN.- Deputado Liberal.1º local do Mádia-Leva. Aquí detiveron a María Osorio en decembro de 2011, saíndo dunha cea solidaria con outras persoas detidas.

BARRIO DO CARME/CALZADA.- Por onde vai o Camiño de Santiago. Barrio histórico, xa dende tempos da Antigüidade. E o que enlazaba a cidade co Miño. Barrio a carón de Lugo, ás portas da Muralla, mais cun carácter evidente de aldea e con forte personalidade.

PONTE ROMANA.- Un dos monumentos emblemáticos do noso Lugo. Con varias reformas dende aqueles tempos dos romanos. Esta última reforma ten xente que gosta dela e outra parte da veciñanza á que non lle agrada nada.

SAN LÁZARO.- Este é un barrio de Lugo, con moita personalidade e moita historia, mais en Lugo o Miño actuaba (actúa?) como raia húmida. Por aquí vai o Camiño de Santiago. Son dignas de visitar, mais non reciben moitas visitas a capela, o cimeterio, cara ao río e o Lazareto convertido en vivendas, entre elas a Casa Rectoral.

FÁBRICA DA LUZ.- Foi unha das primeiras da Galiza, construída  no 1894 e pasou a ser propiedade do Concello no 1919. Proxectada polo arquitecto militar Eloy Maquieira, que parece que vivíu en Conturiz. Funcionou ata principios dos 70. Dende o seu apagamento, o edifico entrou nun acelerado proceso de deterioro. Este edificio foi tamén o centro da interrumpida obra da “Fábrica da Luz”, xunto co famoso Dique/ataguía xa desmontado. Constituiuse a Plataforma Lugo Cara ao Miño, da que fan parte o Mádia Leva e ADEGA, en novembro do 2015; son máis de 4 anos de Asembleas, actividades, denuncias, concentracións, xuizos… que rematan cunha pequena victoria, que non soubo aproveitar o noso Concello.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s